Sceliphron destillatorium (Illiger 1807)
Phylum ARTHROPODA/Subphylum HEXAPODA/Clase Insecta/Orden Hymenoptera/Suborden APOCRITA/Sección ACULEATA/Superfamilia APOIDEA/«SPHECIFORMES»/Familia SPHECIDAE/Subfamilia Sceliphrinae/Sceliphron destillatorium
Outra especie invasora de esfécido, dun tamaño considerable, que fai niños cilíndricos coa lama pegados uns ós outros para dentro de cada celda colocar arañas como presas para as súas larvas.
As fotos están feitas no mes de xuño de 2015 e 2017 no Monte Soutullo de Oimbra que ardeu tristemente este ano, unha vez mais. O problema é que o incendio desta vez foi de lado a lado e non creo que deixase nada. Un lugar de biodiversidade coma poucos onde criaban colonias de Calhophris avis, Pyronia bathseba e Charaxes jasius, tres especies de bolboretas que dubido moito poder ver nesa zona en moito tempo, así coma moitos outros artrópodos.
Cando comecei a facer fotografía de natureza tiña moi claro que era como documento da existencia de especies que ían desaparecer do noso entorno. Nunca pensei que fose tan cedo.
Todos os incendios son provocados, todos. Pola estupidez, pola ignorancia, polo desprecio do medio natural e polo desgoberno que sofre este país. Nada bo pode vir disto, estamos abocados á ruína.
Identificadas como case todas en Biodiversidade Virtual.