Normas de respecto para fotógrafos da natureza

Normas básicas para fotógrafos da natureza, ocasionais ou profesionais.

Teoricamente todos somos moi respectuosos cando facemos fotografías da natureza pero despois no medio vemos de todo e respecto menos. É por iso que me atrevo a lembrarme a min mesmo, e tamén a quen lea isto, que cando saímos debemos ter en conta unha máxima:

“O suxeito e o hábitat son máis importantes que a súa fotografía. Actúe en consecuencia.”

O primeiro que se debería facer é observar a vida silvestre desde unha distancia que sexa segura para vostede e para ela. Respecte as necesidades espaciais de fauna e flora. Se o animal ten que interromper o seu comportamento (alimentación, descanso, etc), entón vostede está demasiado preto e debe afastarse.

Estude antes as especies que quere fotografar. Asegúrese de que pode recoñecer os signos de estres e nunca deixe que a súa presenza cause calquera tensión no animal. Se iso acontece, retírese.

Use os teleobxectivos apropiados para fotografar animais salvaxes e se un animal mostra sinais de estres, recúe e utilice un teleobxectivo de maior lonxitude focal.

Considere a posibilidade de usar camuflaxe para non interferir na actividade do suxeito a fotografar.

Nunca os debe obrigar a actuar. Nen utilizar reclamos sonoros ou de outro tipo para os atraer. ¡Teña paciencia! A máis bela fotografía é o resultado de actuacións naturais.

Nunca se interpoña entre os proxenitores e a súa descendencia. Por ver ou fotografar máis de preto xa se viu a certas especies abandonar ás súas crías ou a algún mamífero ter un comportamento violento, etc. Non debe atusmar nos niños ou nas tobas.
Se aprendeu os patróns de comportamento dos animais, saberá cando non se debe interferir nos ciclos de vida dos animais.

Non se debe tentar de impedir a fuga, facer barullo deliberadamente para distraer, asustar ou acosar á fauna silvestre. É estresante para os animais.

Non atraia un animal salvaxe coa comida (cebo) co gallo de conseguir a foto. Permita que o animal sexa salvaxe e se mova segundo o seu instinto.

Aprenda a recoñecer os sinais de alarma da vida silvestre e nunca se esqueza que estes animais non son mansos, por moi tenro e meiguiño que un poida aparentar. A ninguén se lle ocorre aloumiñar a un touro bravo, sen embargo, xa houbo quen levou un desgusto por tentar interactuar con seres tan “amorosos”. Teña presente que os animais sempre son imprevisibles e que no mundo do animal vostede é o seu invitado. Obre en consecuencia e coa indirecta máis leve entenda que non é benvido.

Por onde pase teña coidado coa flora. Non dane ou elimine plantas ou calquera outra forma de vida así como tampouco os obxectos naturais.

¡NUNCA deixe lixo! Sexa prevenido e traia consigo unha bolsa para recollelo e levalo.

Familiarícese co hábitat, aprenda todo o posible sobre a vida silvestre do lugar que visite e respecte os comportamentos e os ecosistemas da fauna e flora.

Dado o caso, informe aos administradores ou outras autoridades da súa presencia e do propósito polo que está. Se está en terras públicas, respecte as restricións á entrada. Se se require algún permiso (de entrada, fotográfico ou de outro tipo), obtéñao. Asegúrese de que entende todas as condicións. Aprenda as regras e as leis do lugar, de existir distancias mínimas para achegarse á fauna, respécteas.

Respecte os dereitos dos propietarios. Se desexa fotografar en terreos privados, consiga o permiso do dono ou persoa ao cargo. Deixe as cancelas tal e como as teña atopado.
Ante a falta dunha autoridade de xestión, utilice o sentido común, trate a vida silvestre, as plantas e lugares como se fosen ou seus convidados.

Non interfira, manipule, interrompa ou cambie o medio ambiente natural, a paisaxe ou os obxectos dentro do ambiente, de tal xeito que poda levar á desfiguración temporal ou permanente, ou á destrución. Axude a minimizar os impactos acumulativos e manteña a seguridade.

Prepárese e prepare ao seu equipo para eventos inesperados evitando exporse vostede e aos demais ás desgracias evitables.

Trate aos demais con cortesía e pregunte antes de unirse a outras persoas que xa están nunha zona.

Con moito tacto informe aos demais se observa que se están involucrando nun comportamento inadecuado ou prexudicial porque moitas persoas, sen sabelo, póñense en perigo a si mesmos e aos animais.

Informe de comportamentos inapropiados ás autoridades competentes. ¡Non discuta con aqueles aos que non lles importa!.

Sexa un bo modelo a seguir, tanto como fotógrafo como cidadán, eduque aos demais polas súas accións tratando de mellorar a súa comprensión.

Cando estamos no campo somos embaixadores da comunidade de fotógrafos da natureza en conxunto. Como tal, mostre sempre o respecto e a consideración co ambiente, cos nosos suxeitos fotográficos, así como coas demais persoas.
Respecte os dereitos dos non fotógrafos de poder gozar da escena tamén, non se poñan diante de outro grupo ou persoa e lle arruíne o seu goce.

Cando estea preto de outro fotógrafo que se dispoña a fotografar, non se interpoña no seu camiño (ou na súa foto).

Sexa amable e cortés con calquera que por descoido entre na súa foto.
Cando un non fotógrafo lle pregunte sobre a súa actividade, detéñase un intre a contestarlle de forma amable e simpática. Ofrecer ao espectador curioso unha visión a través da cámara pode obrar marabillas.

Non esqueza nunca que o benestar do suxeito e o hábitat son irrefutablemente máis importantes que a súas fotografías.

A NATUREZA É SABIA E AS PERSOAS, CANDO QUEREN, VAN APRENDENDO A SELO.


Fontes:
AEFONA: código ético
Wildlife photography ethics
Nature Photographers