Jordanita cf. globulariae (Hübner, 1793)
Para os que entenden de bolboretas e, en particular, da familia Zygaenidae, para distinguir Adscita de Jordanita hai que facer unha xenitalia. Cores, formas e tamaños moi similares fan que, se xa é difícil saber se é Adscita ou Jordanita, máis aínda saber que especie é en concreto.
Unha diferencia si podemos atopar, as antenas.
Os machos teñen antenas pectinadas, que rematan en maza nas Adscita e estreitándose nas Jordanita.
Resulta que teño unha carpeta na que fun xuntando unhas e outras ao longo dos anos e revisando vin que había un macho que tiña unhas antenas particularmente interesantes, bipectinadas e acabadas en punta. Teoricamente non é Adscita.
Fun mirar no libro de Fauna Ibérica , Vol 26. Lepidoptera, Zygaenidae e so hai tres especies, das presentes na península ibérica, que poden ter esas antenas. Rhagades pruni (de distribución pirenaica), Jordanita budensis ( distribuida polo leste de Cantabria, norte de Burgos, occidente de La Rioja e País Vasco e outra zona en Guadalajara, Teruel e Cuenca) e Jordanita globulariae (distribuida por toda a metade norte excepto Galicia onde so ten presencia no oriente ourensan).
Dito isto a quen se lle vai ocurrir identificar algunha delas por foto. Pois a min.
Esta é a Jordanita globulariae. Fotografía realizada en Cualedro o 21 de xuño de 2010. O lugar unha camposa no medio de monte baixo perto da estrada. Descoñezo sobre que planta estaba pousada.
Hai alguén que compre a historia?
Ás anteriores: 14 x 7 mm e posteriores 13 x 6 mm., verdes ou azul esverdeado, anchas e a posterior algo traslúcida. Pódese atopar en camposas, prados e clareiras das fragas nos meses de xuño e xullo.
As plantas hospedeiras son as Asteráceas como as Centaurea.
Información recollida de:
Forester Moths, K. A. Efetov & G. M. Tarmann de Apollo Books, ISBN 87-88757-23-4. 1999
Fauna Ibérica Vol. 26 Lepidoptera Zygaenidae. Fidel Fernández-Rubio ISBN 84-00-08379-2. 2005
Fernández-Vidal, E.H. Lep., ZYGAENIDAE. Asociación Entomolóxica Galega, AEGA