Ameles (Ameles) spallanzania (Rossi, 1792)

Clase Insecta/ Orde Dictyoptera/ Suborde Mantodea/ Familia Mantidae/ Xénero Ameles

Ese venres de tanta calor, perto da raia co país veciño, non foi un día no que vise moitos artrópodos polo que é fácil entender que tampouco fixen moitas fotografías. Cando cheguei o final do traxecto, (case sempre fago ese percorrido nun sentido ou noutro), nun camiño agrícola inzado de herbas, atopei o que nun principio pensei que era unha pequena parraguesa e, logo xa, ó velo a través do obxetivo, souben que era algo diferente. Mandeille as fotografías a Fernando Prieto de Arquivos Entomolóxicos que llas fixo chegar a Antonio San Martín Moreno, que me confirmou, coas reservas lóxicas de non ter presente fisicamente o bicho, que era Ameles spallanzania, unha especie non citada ata agora en Galiza.

GBIF sitúa as citas máis próximas en Portugal e no mapa de distribución do libro da Guía de identificación de las Mantis Ibéricas, de Pol Sar y Diego Gil-Tapetado aínda aparecen máis afastadas.  Despois da redacción do artigo Rafael Estévez díxome, que coñecía a presencia desa mantis nesa zona desde que un amigo a vira facía 2/3 anos, non se lembra se chegou a publicar.

Pequenas, con dimorfismo sexual. femias máis corpudas e machos coas antenas máis longas. Poden ser de cor marrón, amarelas, esverdeadas ou tirando a cincentas.

A da foto foi identificada coma un macho.

Fotos feitas no concello de Verín o 12/06/2026. Autor: Xosé Bergantiños.

Deja un comentario

Debes iniciar sesión para escribir un comentario.