Pholcus phalangioides (Fuesslin, 1775)

Información da fotografía

Lugar: Guitiriz

Data: 30 outubro 2025

Data: 08 xullo 2023

Autor: Xosé Otero

Presente en Galicia onde está amplamente distribuída nas catro provincias.

Do mesmo xeito aparece en toda a P. I., en Baleares e nos arquipélagos dos Azores, Canarias e Madeira.

Trátase dunha especie cosmopolita que, oriunda de Asia, colonizou tódolos continentes agás a Antártida.

Considerada especie cavernícola é incapaz de sobrevivir nos ambientes máis fríos. Nas áreas máis frescas e temperadas o seu hábitat está practicamente restrinxido a construccións humanas.

Case sen querelo é unha das arañas máis coñecidas polas persoas non interesadas na entomoloxía xa que é rara a casa, soto ou garaxe onde non se ve algunha vez un exemplar pendurado boca abaixo da súa arañeira nun curruncho do teito. É esa mesm araña, para os humanos inofensiva, de longas e finas patas. Temos unha especie similar Pholcus opilioides (Schrank, 1781), algo menor  e menos frecuente dentro das casas.

Cun tamaño corporal de arredor de 9-10 mm, esas longas patas que poden ser 5-6 veces máis longas que o corpo fan que sexa moito máis facilmente visible.

Aliméntase, entre outros, de insectos molestos (como mosquitos) e doutras arañas, algunhas de interés médico (moi escasas en Galiza). Por este motivo pode ser desexable, razóns estéticas á marxe, a súa presenza nos edificios.

Tamén hai evidencias de que son depredadoras eficaces de carcomas e como tales poden ser un recurso para o biocontrol na restauración de edificios.

Deja un comentario

Debes iniciar sesión para escribir un comentario.