Doros Profuges (Harris, 1780), a pantasma
Orde Diptera/ Suborde Brachycera/ Familia Syrphidae/ Subfamilia Syrphinae/ Xénero Doros
«Un dos meus soños entomolóxicos, e garanto que non só é o meu». Paweł Czechowski.
En latín, a palabra «doros» tradúcese como «regalo» ou «presente». E a palabra «profuges» tradúcese como «exiliados» ou «fuxitivos».
Os ingleses, sempre tan teatreiros, chámanlle Phantom Hoverfly: Mosca pantasma.
«Vin por primeira vez unha foto da mosca pantasma hai 23 anos e inmediatamente quixen vela» dixo Peter Brash cando a fotografou en Bedforshire (Inglaterra).
Foi descrita por primeira vez por Moses Harris (1730/31-1785/88) como Musca profuges: «Os ollos son grandes e dun vermello marrón intenso. O frontal negro, bordeado nos laterais con lixeiras manchas amarelas. O tórax é negro, e bastante espido, tendo unha liña clara de cor dourada a cada lado. O scutulum é marrón. O abdome é negro e espido, e é moi estreito no medio, tendo un limpo bordo amarelo no bordo de cada anel. As ás son metade marróns e metade brancas e claras, a metade cara ao bordo do sector está tinxida de marrón. As patas son laranxas, nubladas de marrón. Isto tamén é moi escaso, xa que é o único que o autor aínda ten visto. Foi tomada en Essex, preto de West Tilbury, en xullo».
Recibiu moitos outros nomes: Musca conopsea (Gmelin, 1790), Syrphus coarctatus (Panzer, 1797), Doros conopeus (Zeller, 1842), Dorus bipunctatus (Mik, 1885) e Bacchiopsis vespiformis (Matsumura, 1916).
Mide entre 14 -16 mm. A lonxitude das ás está entre 11 e 13 mm. e semella unha avespa da sufamilia Eumeninae dado o seu abdome con tres bandas amarelas que se estreita no inicio. As Eumenes son unhas avespas que fan un niño en forma de pequena ánfora con cuspe e lama (daí que os ingleses tamén lle chamen Phantom Potterfly). Outros din que se parece a a avespa esfecida (Mellinus, Odynerus, Ancistrocerus)
Sendo tan esquiva poucas son as certezas sobre a súa vida, Disque en estado adulto vive entre unha e dúas semanas, que se alimenta de néctar ou ovos ou pupas de formigas, que pasa a maior parte do tempo nas árbores e só desce para alimentarse.
O seu hábitat son os bosques de carballos e freixos, que teñan matogueira e silvas, aínda que tamén hai rexistros de vela na beira dos piñais. Tamén nas abelairas.
As súas flores preferidas son Umbellferas, Chrysanthemum leucanthemum, Filipendula e Rubus.
«…Certas especies adquiren a sua máxima celebridade precisamente como enigmas. E un dos maiores é Doros.» Di Fredrik Sjöberg no seu libro El arte de coleccionar moscas. E algo debe saber porque ninguén a debeu de ver máis veces que el, sobre todo nun espacio tan reducido como a illa na que vive.
O bicho crea ciumes e envexas entre os entomólogos que ven que outro o viu, outros prometen ir onde sexa que foi vista e todos celebran finalmente os poucos avistamentos que hai cada ano.
En territorio español foi fotografada en 6 ocasións en BV: Asturias, Madrid, Aragón, Cataluña e Andalucía, ningunha en Galicia, onde non se sabe nin se voa, pero seguro que si porque quen ten as millores carballeiras, fenteiras, toxeiras e silveiras nin che conto.
Distribución GBIF: 304 rexistros.
Dende Irlanda e as Illas Británicas polo oeste até Corea do Sur polo leste, con observacións na parte máis oriental de Casaquistán e de Rusia, nos Países Nórdicos, illas do mar Báltico, Centro e Leste de Europa, etc. rarea cara o sur con escasas citas en países da beira do Mediterráneo: Montenegro, extremo noroccidental de Italia, sur de Francia e un único rexistro admitido no Pirineo de Huesca.
Xosé Otero espera atopala antes de 2047. Haxa sorte!