Pholcus phalangioides (Fuesslin, 1775)
Información da fotografía
Lugar: Guitiriz
Data: 30 outubro 2025
Data: 08 xullo 2023
Autor: Xosé Otero
Presente en Galicia onde está amplamente distribuída nas catro provincias.
Do mesmo xeito aparece en toda a P. I., en Baleares e nos arquipélagos dos Azores, Canarias e Madeira.
Trátase dunha especie cosmopolita que, oriunda de Asia, colonizou tódolos continentes agás a Antártida.
Considerada especie cavernícola é incapaz de sobrevivir nos ambientes máis fríos. Nas áreas máis frescas e temperadas o seu hábitat está practicamente restrinxido a construccións humanas.
Case sen querelo é unha das arañas máis coñecidas polas persoas non interesadas na entomoloxía xa que é rara a casa, soto ou garaxe onde non se ve algunha vez un exemplar pendurado boca abaixo da súa arañeira nun curruncho do teito. É esa mesm araña, para os humanos inofensiva, de longas e finas patas. Temos unha especie similar Pholcus opilioides (Schrank, 1781), algo menor e menos frecuente dentro das casas.
Cun tamaño corporal de arredor de 9-10 mm, esas longas patas que poden ser 5-6 veces máis longas que o corpo fan que sexa moito máis facilmente visible.
Aliméntase, entre outros, de insectos molestos (como mosquitos) e doutras arañas, algunhas de interés médico (moi escasas en Galiza). Por este motivo pode ser desexable, razóns estéticas á marxe, a súa presenza nos edificios.
Tamén hai evidencias de que son depredadoras eficaces de carcomas e como tales poden ser un recurso para o biocontrol na restauración de edificios.