Orquídeas chairegas (introducción)
Como se mencionaba no texto “Orquídeas galegas” que abriu a sección de flora desta web, son arredor de 40 as especies citadas no país (até máis de 50 segundo autores). A taxonomía en constante revisión ou un maior número de prospeccións, especialmente fóra dos “santuarios” tradicionais galegos (Serras do Courel, da Enciña da Lastra, Ancares, areais costeiros, depresión de Lemos…) permiten gardar certas espectativas de cara a aparición de novas localizacións ou quizais novas especies a engadir a esta lista.

Se as serras orientais e surorientais son, polos seus solos calíos e a influencia climática mediterránea entre outras características, os paraísos orquideolóxicos desta terra (Serra da Enciña da Lastra 27 especies(1) e Serra do Courel 25 especies(1)) , non deixa de ser destacable que na comarca da Terra Chá, con solos predominantemente ácidos e unha clímatoloxía continental, teñan sido observadas (e fotografadas por nós) un mínimo de 11 especies, que iguala en número ás citadas por exemplo para a área Monforte-Bóveda na Guía das orquídeas de Galicia.
Da nosa listaxe chairega, hai especies de moi escasa aparición – 1 ou 2 poboacións por nós coñecidas na comarca ou moi preto dos límites administrativos – e sen, ou con moi contadas, citas bibliográficas recentes (subliñar que non se fixo unha busca exhaustiva). Casos de Anacamptis morio, Gymnadenia conopsea ou Orchis coriophora; doutras como Platanthera bifolia ou Spiranthes aestivalis tampouco temos moitas referencias e en todo caso nós non as temos fotografado máis que en dúas ou tres localizacións chairegas.



En oposición a estes taxóns máis escasos, hai outros cunha maior distribución e abundancia: Dactylorhiza maculata, especialmente en brañas e pasteiros húmidos, a conspicua Dactylorhiza elata, presente en moitos dos prados, pastizais e cunetas da Chaira, doada de ollar incluso dende a estrada, Serapias cordigera e S. lingua, tamén en brañais, pastizais e outras formacións herbáceas…
Aludir finalmente á estreita relación de boa parte das orquídeas chairegas cos medios humanizados, en especial os agrícolas suxeitos a un uso tradicional (prados de sega, aproveitamento das matogueiras, etc.), polo que non resulta difícil deducir que o abandono, intensificación e transformación dun territorio marcadamente agro-gandeiro está entre as principais ameazas ás que está sometida esta particular familia botánica.


Xosé Otero
(1) Datos da GUÍA das ORQUÍDEAS de GALICIA.
Orquídeas chairegas (introducción)
Orquídeasas chairegas (I). Anacamptis coriophora
Orquídeas chairegas (II) Anacamptis morio
Orquídeas chairegas (III) Dactylorhiza elata
Orquídeas chairegas (IV) Dactylorhiza maculata
Orquídeas chairegas (V) Gymnadenia conopsea
Orquídeas chairegas (VII) Plathanthera bifolia
Orquídeas chairegas (VII) Serapias parviflora
Orquídeas chairegas (VIII) Serapias cordigera
Orquídeas chairegas (IX) Serapias lingua
Orquídeas chairegas (X) Spiranthes aestivalis
Orquídeas chairegas (XI) Spiranthes spiralis
![]()