Benvida

Comecei facendo fotografías pola fascinación que me produxo o poder de deixar fixado un instante. Logo, anos despois, foi o interese de deixar constancia da existencia de distintas formas de vida do meu entorno natural pola presión ás que están sometidas. Algo que xa vou constatando coa desaparición de especies en determinados hábitats que fomos transformando coa actividade humana.

O lume, a contaminación en xeral e os insecticidas en particular, o cambio na actividade agrícola-gandeira (cultivos intensivos, abandono da agricultura tradicional, …), a perda de espazos naturais pola presión urbanística, os coleccionistas, os vehículos a motor (son incontábeis os animais que morren nas estradas), están reducindo moito o número de especies en moitos lugares.

Algunhas especies dependen exclusivamente dunha única planta nutricia, Callophrys avis, Charaxes jasius, p. ex., e onde vivo (Val de Monterrei) o lume arrasou as zonas onde medraba o seu sustento deixando o lugar sen a sua presenza.

E por isto que, de forma documental e divulgativa, paréceme importante deixar constancia das especies que voan polas comarcas e concellos da Galiza e de aí que faga esta páxina, que pretende ser una mostra das bolboretas, e se cadra outros artrópodos, fotografadas na Galiza coa intención de dar a coñecer as diferentes especies que voan polo noso país.

Coa axuda de amigos fotógrafos galegos da natureza presento unha gran cantidade das aproximadamente 150 especies que se poden ver nestas terras.

A web está aberta á colaboración de toda persoa que queira participar aportando as suas fotografías. Se alguén quere colaborar deberá ser con tomas realizadas en Galiza, indicar o día, o lugar (concello) e todo aquel comentario que o autor considere importante.

Invalid Email